O arado está aínda por estudiar en Galicia a pesar de ser un dos instrumentos máis interesantes do noso campo e merecente dun coidadoso inquérito.

Na Galicia celta xa se empregaba o arado. Xustino e Silio Itálico fan referencia a el, especialmente o último cando di que os homes soamente se adicaban á loita e non a leva-lo arado, que era cousa de mulleres.

Coa romanización, debeu desenrolarse o cultivo do chan e con el o emprego do arado que, nos distintos tipos que se coñecen aquí, perdurou ó longo dos lempos até hoxe.

O arado actual, que responde sensiblemente ó tipo chamado “romano”, presenta, dentro da forma xeral, certas variantes de interés.

Faise case totalmente de madeira de carballo e consta dunha peza angular que se colle coa man por un dos lados, a rabiza, namentres outro, rostro, vai paralelo ó chan e leva na punta o dente ou rella de ferro, de forma cónica, anque non sempre, como veremos.

Detrás da rella atópanse dúas pezas diverxentes, no mesmo plano có rostro, chamadas abeacas, sostidas por unha travesa, o amexelo.

Da base da rabiza ou da traseira do rostro, pois danse só dous casos, sae o tamón; o tamón é un pau longo que leva na punta dianteira un, dous ou tres buratos nos que entra a chavella que serve pra xunguilo á parella de tiro. Os buratos do tamón teñen por obxecto acurtar ou alonga-lo tiro pasando a chavella ó que conveña. O tamón asegúrase á rabiza ou ó rostro por medio de tillas que o cinguen á encarna en que entra.

O arado corrente e a súa nomenclatura
O arado corrente e a súa nomenclatura:
1, rabiza. 2, tamón. 3, chavella. 4, teeiro.
5, seita. 6, rostro. 7, amexelo. 8, abeacas. 9, rella. Á dereita,
variantes de rabizas e de chavellas
.

Entre o tamón e o rostro atópase unha travesa de madeira que encaixa nos dous e serve pra reforza-lo conxunto; esta travesa chámase teeiro.

Nos terreos da veiga, o arado adoita ter, máis adiante do teeiro, unha coitela vertical de ferro, seita, que pasa por unha fenda do tamón e sobe ou baixa mudándolle un espigo nos buratos que leva na parte superior.

Dixemos que a rella é, polo xeral, de forma cónica, mais tamén se atopa plana, de forma triangular, ou case semicircular, cravada á extremidade do dente. Vense rellas deste tipo por parte da terra de Pontevedra, por Celanova, polos Ancares, etc.

Polo S.L. da provincia de Lugo atópase un interesante tipo de arado dunha peza soa. Non ten abeacas e o tamón e o rostro están feitos aproveitando o arrinque dunha ponla de arbre, de tal xeito que anaco do toro forma o rostro e a ponla o tamón. Outras veces faise de dúas pezas que xuntan formando unha unidade e asegurándoas con cinchos de ferro ou con tornos e corres de madeira axeitada pra confeccionalo dunha peza só.

A este arado chaman alí cambela e nel quere ver Ebeling, que estudiou aquela zona, o representante do “aratrum simplex” dos romanos. Chámalle el “Hakempflug” ou arado-aixada, e vén se-lo instrumento que serve pra pasar da aixada movida pola man do home ó arado puxado por animais.

Arado dunha soa peza
Arado dunha soa peza, cambela, do
L. da provincia de Lugo. Abaixo, variantes

de abeacas e rellas do mesmo sitio (s. Ebeling).

A cambela emprégana pra rompe-lo monte despois de rozado e preparado pra a sementeira. Do nome deste arado chaman alí cambelar ó traballo feito con el.

Un curioso arado, con trazas de moi vello, atópase nas terras de Mondariz. Este arado ten unha peza, o encano, que leva no seu extremo o ferro, rella semicircular, namentres o outro extremo empalma co rabicán ou rabiza; un pouco máis arriba da xunta do encano co rabicán sae o tamón ou tomón, que se suxeita cunha tilla, pespunto, que permite arma-lo tamón ó resto do arado no momento de comenza-lo traballo. Entre o tamón e o encano vai un teeiro, o manxil, e máis adiante a rega, como a seita de que xa falamos, e que, coma nos outros arados, pode torcer a un lado ou a outro por medio dunha tilla pra segui-lo senso do suco.

O elemento máis persoal deste tipo de arado son as abeacas, que en Mondariz chaman abecas. As deste arado son moi grandes, domeadas cara a atrás, prolongándose astra acada-la mesma lonxitude que o extremo do rabicán até o punto de que se empregan pra dirixi-lo arado coa man; podemos, case, considerar este instrumento como un arado de tres rabizas. Entre as abecas e o manxil leva dúas pezas triangulares chamadas sobreabecas. As abecas amárranse ó encano por medio de dúas travesas.

Arado de Mondariz
Arado de Mondariz (Pontevedra), con
abeacas de gran desenrolo.

Atópanse tamén arados con dúas rabizas, independentes neste caso do rostro e ó que se xuntan por medio duns tornos de madeira ou pasadores de ferro. Nestes arados ponse o home entre as rabizas e cunha man en cada unha pra o conducir mellor.

Arado de Lalín
Arado de con dúas rabizas,
da terra de Lalín (Pontevedra).

O mesmo obxecto de facilita-lo manexo ten un torno que algúns arados levan na parte superior da rabiza e que permite collelo coas dúas mans nun momento determinado.

A falta de facenda e a facilidade pra o traballo que presentan algúns terrees fíxeron nacer un tipo de arado que se atopa en lugares chairos. Trátase de arados pra xunguir soamente un animal e que teñen, por tanto, a súa estrutura axeitada a este obxecto.

Contan con dous tamóns, entre os que se pon o animal. O seu xugo, feito tamén especialmente, xungue os seus extremos os cabos dos tamóns; estes, por detrás, levan entre si dúas travesas que, á súa vez, articulan cun tamón curto que sae da rabiza.

Este sistema de tiro por un só animal atópase empregado tamén nos carros, como máis adiante veremos, e non sería estraño que este arado fose o inspirador do carro co mesmo sistema de tracción.

Tanto no conxunto coma nas pezas é fácil atopar variantes, unhas que compren un fin determinado e outras que non responden máis ca ó capricho do seu autor.

As diferentes finalidades do arado nas terras fan que este instrumento precise dalgúns aditamentos pra un mellor rendemento.

Arado de dous tamóns
Arado con dous tamóns pra xunguir un só animal.

Entre estas engádegas conven citar algunhas: o fouciño do arado, a seita, da que xa falaremos, e as escobas e pasoeiras.

O fouciño é unha peza de ferro semicircular, afiada pola parte de fóra, que se pon ó arado sobre do rostro, entre a rella e o teeiro; o obxecto do fuciño é ir cortando a vexetación consonte se vai arando cando se está a rompe-lo monte pra facer “estivadas”. Vimos moi empregado este aparello nas terras de Zobra, preto de Lalín.

Un fito parecido ten a seita que, por medio dunha cuña, se inclina cara ó lado que conveña. O seu uso é máis xeral có do fouciño anque non acada a eficacia deste.

As escobas e as pasoeiras son semellantes e teñen o mesmo obxecto: facer que o suco sexa máis ancho. As escobas son dúas táboas que se ponen verticais na cara anterior da rabiza; teñen forma triangular e van xunguidas por riba cunha travesa chamada sumadoiro. As escobas úsanse en arados sen abeacas e o seu obxecto é soumar ou sexa facelos sucos moi abertos pra deitar neles o gran. O mesmo fin téñeno as pasoeiras, que neutros sitios chaman bascullos, e que se lle ponen ó arado no ángulo que forman a rabiza e o rostro.

Variantes de arados
Variantes
de arados: 1, de rabiza con torno. 2, de rabiza composta. 3, con
fouciño pra rompe-lo monte. 4, con táboas pra soumar. 5, con pasoeiras
pra o mesmo.

O sistema de tiro do arado é o mesmo có do carro; por esta razón o tamón remata do mesmo xeito cá cabezalla do carro, tendo a chavella vertical ou cruzada.

O xugo é tamén o mesmo, anque o do arado ten que ter maior longura có do carro; por isto, úsanse uns xugos especiáis pra arar, que son tamén máis lixeiros, anque non faltan xugos cun dispositivo que permite axeitalos os dous traballos. Ocuparémonos dos xugos en xeral ó falarmos do carro.

Nestes últimos tempos, e anque con certas dificultades, foi entrando no noso campo o arado de ferro.

Os nosos campesinos, de espirito tradicional, vían con receo o novo artiluxio e tardaron en se valer del. Logo, pouco a pouco, encomenzaron a velas súas vantaxes e a lie dar cabida entre as ferramentas do campo.

Os primeiros arados de ferro eran de fabricación industrial, mercados na tenda, mais non tardaron os artífices campesinos en facer vale-la súa personalidade creando modelos propios, sendo case tódalas pezas obra súa, descontadas a rella e a roda que mandan facer nas fundicións urbanas.

Axiña se popularizou este arado, de vertedeira reversible e dúas rabizas, con roda de altura variable na punta do tamón; abunda hoxe en moitos sitios, especialmente no S.O. da provincia de Ourense onde se seguen facendo a un costo máis accesible cós que fornece a industria e son de tanta eficacia coma eles.

Arado moderno
Arado de tipo moderno, feito polos
ferreiros de Lobeira (Ourense).

Ó parecer está inspirado nun moderno arado portugués.

Cando se vai arar, xúnguese o gado ó xugo na casa e o arado ponse co rostro por riba do xugo de xeito que a punta do tamón vai esbarando polo chan.

Ó chegar á herdade, aponse a xugada e coménzase a arar. Dediante da facenda vai, polo xeral, un rapaz coa aguillada tanguendo o gado; na rabiza vai un home, que conduce o arado e guía o gado berrándolle: “Ei, vaca, ei…! Ooo…! Ei, vaca ó rego…!”

Se o rego torce, carga na rabiza cara ó outro lado pra o endereitar.

Atrás do arador vai unha muller botando no suco coa man os grans de millo que leva nunha carabela. A seguir, mulleres, nenos e nomes, van picando, é dicir, botando terra ó suco con aixadas.